Si, vale, éste é un blog para compartir reflexións e experiencias sobre os meus fill@s, en especial, sobre Sabela e o traballo que facemos (ou intentamos facer) con ela e sobre como vexo o mundo desde esta nova perspectiva que se me "concedeu", as loitas coas que nos atopamos a diario, as victorias que acadamos... Pero, non se pode esquecer, ao fin e ao cabo, que o blog escríboo eu así que, hoxe, 23 de abril, cando só levo media hora vivida do meu día de aniversario quero facervos un agasallo a tod@s.
Non se pode ver, pero si sentir, non se pode tocar, pero si acariciar, non se pode oír, pero si escoitar. É a clase de agasallo que moit@s non sabedes que necesitades, pero que, se o recibides cos brazos abertos, pode cambiarvos a existencia. Trátase desa clase de certeza que só uns pouc@s de vós teredes (e se a tedes non a perdades nunca), esa seguridade que só se pode adquirir despois de escoitar palabras como "tes cancro" ou "non sabemos o que pode ser da túa filla", "a túa familia xa non está contigo" ou "imos ter que implantar un botón estomacal á túa pequena para que poida alimentarse". Éstas ou tantas e tantas e tantas outras.
O meu agasallo é esa certeza, esa seguridade, esa convicción inamovíbel de que só hai unas poucas cousas nesta vida polas que paga a pena vivir e esas cousas son moi moi moi grandes, e non teñen nada a ver con oficinas, papeleos, atascos, colas no INEM ou cinco moreas de roupa para lavar e planchar. É curioso porque, tamén é certo que esas "cousas" (@s nos@s fill@s, o noso amor, a nosa familia e, quizais, esas pequenas grandes ilusións vitais que moit@s temos como bailar, cantar, ou deseñar edificios) moitas veces rematan soterradas baixo esas moreas de roupa, eses papeis que cobran vida, a merda que asolaga as nosas mentes e os nosos corazóns ou os berros d@s nos@s xefes.
Non o permitades. Fágovos este agasallo de corazón para que o desfrutedes sen ter que oír ningunha desas frases que ninguén quere oír e que son as únicas que nos espertan cun hostiazo ben forte e nos sacan á superficie para empezar a VIVIR. Vivide cada día, hora e segundo sen agobios, pero sen desperdicio de ningún tipo.
E como só me falta un paliño para chegar a unha máxica cifra redonda e me sinto xenerosa aí vos vai outro agasallo: unha banda sonora para esta nova vida ;)
|